As Medallas Castelao 2017 xa teñen donos

Xosé Ramón Gayoso, Justo Beramendi, Cristina Pato o Grupo Nove e o Oceanográfico de Vigo

Unha figura da comunicación popular, un intelectual e estudoso da Historia, unha artista da música, un colectivo que pon en valor a gastronomía e un centro científico de referencia colgarán este ano os galardóns institucionais que outorga a Xunta de Galicia. Xosé Ramón Gayoso, Justo Beramendi, Cristina Pato, o centro Oceanográfico de Vigo e o Grupo Nove de cociñeiros serán galardoados coa Medalla Castelao 2017. O Consello da Xunta aprobou hoxe o decreto polo que se concede esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia. Estas distincións serán entregadas, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño.

Beramendi foi ata a súa xubilación no ano 2012 catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que tamén foi vicerreitor (1990-1994). Consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. A músico ourensá Cristina Pato foi a primeira muller gaiteira en publicar, con tan só 18 anos, un álbum en solitario, Tolemia. Posteriormente publicou outros 6 discos como gaiteira solista e dous máis como pianista. En 2017 fixo historia ao recibir un Grammy xunto coa banda Silk Road Ensemble coa que actualmente colabora en Nova York. O presentador de televisión Xosé Ramón Gayoso forma parte da historia viva da Televisión de Galicia, cadea na que comezou a traballar desde o mesmo día da súa inauguración, en 1985 e na que desde entón, presentou programas como Entre nós, Boa noite, Lúa nova, O veciño do xoves, Corazonada, Adiviña quen vén esta noite, e Pensando en ti. Gayoso é unha das persoas máis coñecidas e queridas en toda Galicia como rostro da nosa televisión da man do programa Luar.

Na banda dos recoñecementos colectivos ou institucionais o Centro Oceanográfico de Vigo é o máis grande dos nove centros do Instituto Español de Oceanografía cun equipo de 119 persoas e forma parte do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar. O Grupo Nove é un colectivo de cociñeiros que leva desde 2003 reivindicando a modernidade e a vixencia da nova cociña galega, sen renunciar ás orixes da vangarda gastronómica e combinando o mellor da tradición e a innovación. O grupo, inicialmente composto por nove cociñeiros, foi medrando ata acadar os 24 membros e 18 restaurantes que actualmente o compoñen. Todos eles suman oito estrelas Michelin e 18 soles Repsol.